as alfaias da primavera
Este luns saíu publicado oficialmente o novo álbum de Fanny + Alexander, aínda que os que estivemos atentos estamos a gozar del dende a semana pasada, cando foi colgado no Last.fm. Alfaias ven a confirmar ó grupo como a formación de indietrónica máis importante da Galiza. Dende xaneiro, coa difusión do single Setecentos, agardabamos un disco que mereceu a pena, sen ningún paliativo.
Nunha primeira escoita, enganchan xa Espida de credo -o segundo single, imposible quitar-so da cabeza-, Artefacto Burbur ou Esa enerxía escura (segunda voz de Martin Wu, de The Homens), pero non desmerecen, nin moito menos, temas máis tranquilos coma Como Vigo ou Berlín (con Álex Charlón, de Ataque Escampe) ou Tarde de domingo, esta última cuns arranxos moito máis clásicos (colaboración de Banin, de Los Planetas ó slide). Respecto ó anterior LP, chama a atención o abundante uso do teclado, dándolle máis corpo a cancións coma Espido de credo ou Na febre dos incendios.
O álbum faise curto, moi curto -42 minutos-, a pesar dos cinco minutazos de Autopoetica in progress, cunha das letras, para min, máis suxerintes que cantaron ata o de agora [non é necesario insistir en que as súas letras teñen unha procedencia literaria nin -agora que me dou conta- que publican baixo licenza Creative Commons, non?]. En definitiva -non me podo estender máis; os traballos do final de curso agardan por min-, Alfaias se converterá nun discazo para todos aqueles que o queiran escoitar, aínda que, xa se sabe, entre nos nunca haverá um Elvis, a nom ser que se faga branco e fale com a língua dos brancos…
De ser brancos, estes dous xa andarían por aí, noutra galaxia!
Fanny + Alexander – Espida de credo




Deixa un comentario